Este blogue forma parte da Rede de Blogueiras/os en defensa do Galego
13:07

Elena Mato Paz

Publicada por Unknown |



UNHA HISTORIA DE LOBOS

Era daquela a festa de San Roque na casa do meu avó. Puxeran para cear a mesa grande, o que dicía que ían ser moitos, e que a troula tardaría en rematar.
Xa chegaran todos os convidados, pero como diría meu tío Ramón, faltaba o esencial: “Unha boa xerra de viño!”.
O primeiro en decatarse foi o meu bisavó, e sen pensalo dúas veces, mandou por el ó avó á adega. O cativo, pois daquela tan só tiña oito anos, camiñou ata ó pallar. Lanzouse con forza á palla. Logo, dubidou que facer: apetecíalle moito quedar alí, mais quizabes os da festa terían sede...ou quizais se entreterían a falar? Si, iso sería, polo que seguiu alí deitado ata que comezou a anoitecer. Entón, foi polo viño á adega e regresou á casa.
De súpeto, oíu uns ruídos detrás del. Comezou a arrepiar moi forte e, de esguello, mirou se había alguén. Divisou coma se fose a sombra dun lobo. O seu corazón comezou a latexar máis, e máis forte. Foi ás alancadas todo o camiño, sen perder a vista a atrás. Rompeu a laiar. Non podía máis e cada vez os pasos eran máis fortes. Cismou un intre que podía facer. Estaba claro que o único posíbel era fuxir. E así fixo.
Chegou á casa cinco minutos despois, coas bágoas nos ollos e cara de tolo; a súa familia pensou que toleara. Ninguén naquela vila vira un lobo, e menos nesas épocas. O meu bisavó saíu a fóra a mirar que había. Pasou a noite rindo, e non polos efectos do viño, xa que co medo
caéralle todo polo camiño, senón porque o tal “lobo” resultara ser o seu can. Si, un can de palleiro que desaparecera da casa facía uns meses.
O pobre do avó nunca pasara tanta vergoña, nin tanto medo.

                                                                                                 Elena Mato Paz

0 comentários: