Este blogue forma parte da Rede de Blogueiras/os en defensa do Galego
09:31

O tardío regalo de Reis. Christian Fernández

Publicada por xenevra |

Chámome Xoana e dende os cinco anos non creo no Papá Noel, e moito
menos nos Reis Magos. Non é que atopara a ninguén ao carón da árbore colocando os meus regalos, para nada, e nin sequera me portei mal nunca. A ver ... nunca, nunca... tampouco, pero poderíamos dicir que cando fixen pedín perdón de seguido!
O caso é que dende o meu quinto Nadal con vida, collinlles moita manía a eses tres homes que visitan a todos os rapaces o 5 de xaneiro. Pois eu non sei a vos, pero a min, a idea de que tres barbachóns xigantescos entren na miña casa, así, ás agochadas, sen nin se quera petar na porta ou pedir permiso, sempre me pareceu unha ultraxe. E si, vale, todos estaredes a pensar que e unha tontería, porque, por outro lado déixannos un millón de agasallos en balde, pero poderíanos deixar diante da porta ou algo polo similar. Aínda que o peor de todo non é iso, non, a min o que me amola é toda a porcallada que fan coas galletas e o leite, aínda por riba... e logo, claro, teno que limpar a Xoana!
Mais vouvos ser franca, nunca nada disto me sentaría así de mal se aquel ano, aquel maldito ano, fixeran ben o seu traballo. No que lles pedira un bañador (máis que un bañador, unha xoia!), con esas cores e eses laciños, semellaba o arco da vella... Lémbrome, que nesa noite non peguei ollo, coa emoción de conseguir ao fin o meu agasallo. Ai, que ledicia tiña no corpo! Deseguida se fixo de día, e puiden abrir os meus regalos... unha boneca, unha comba, o coche para a boneca... e o meu bañador? Non estaba... mirade que busquei por toda a casa e nada, non andaba por ningures! Por iso deixei de crer nos Reis Magos, vaia moinantes! O máis gracioso non é iso. Sabedes que me trouxeron este Nadal? O maldito traxe de baño, 6 anos despois! A boas horas, Reis Magos, a boas horas...

8 comentários:

Laura. M disse...

Este relato conta cun gran vocabulario, unha boa ortografía. A parte disto, é fácil de ler e compréndese moi ben.

Alba Quintela 4ºA disse...

Eu estou de acordo con Laura. Este relato é moi ameno, moi doado de ler, e estas a lelo e atopas rasgos humorísticos que ainda fan do texto unha estructura mellor.
Noraboa ó autor!

Pablo disse...

Gústame moito este texto,pola capacidade imaxinativa e pola forma que está escrita.

Alba.D disse...

Este relato encantame está moi ben estruturado cunha boa ortografía e contase unha historia moi amena e divertida :)

Luís Álvarez disse...

A verdade é que o texto está ben redactado. Por outra banda, o feito de que a rapaza deteste tanto aos reis magos dálle un matiz sorprendente ao relato,xa que normalmente os cativos devecen pola aparición das súas maxestades. Luis 4ºA

raquel disse...

Gústame moito o contido do texto, ademáis ten frases moi inxeniosas que fan que o texto sexa divertido.
o que eu cambiaría sería a estructura dalgunhas frases, redactaríaas de outro xeito.

Artai. disse...

Texto cunha gran capacidade imaxinativa sen ningùn tipo de erro gramatical.

manuel disse...

É un texto rico en vocabulario, fácil de ler e o argumento esta moi ben estructurado